top of page

COAS EMOCIÓNS Á FLOR DE PEL

Foto del escritor: Mario González Sánchez
Mario González Sánchez
hace 34 minutos
2 min de lectura

Xa pasaron dez días desde o concerto e as emocións seguen á flor de pel, por iso quero

darvos as grazas a todos os que vos achegastes o venres pasado ata a miña casa para acompañarme no concerto-homenaxe a Yolanda.

A vosa presenza, o voso cariño e o feito de que decidísedes acompañarme nun momento tan especial contribuíron a crear unha atmosfera difícil de esquecer. Foi unha noite moi emotiva, chea de música, lembranzas e sentimentos; unha desas noites nas que todo parece adquirir un significado diferente.

A música foi o fío que nos uniu. As bandas sonoras que interpretamos, tantas veces vinculadas a historias e a emocións que forman parte da nosa memoria, soaron na noite dun xeito especial. Cada peza trouxo consigo sentimentos, recordos e momentos compartidos, convertendo o concerto en algo máis ca unha simple actuación musical.

Para min, poder renderlle esta homenaxe a Yolanda rodeado de amigos e de persoas que quixeron estar presentes foi algo que dificilmente poderei esquecer. Ela amaba profundamente a música, o cinema e os libros, e estou convencido de que esta noite reuniu, dalgún xeito, unha pequena mostra de todo aquilo que formaba parte do seu mundo.

Non foi un concerto máis. Foi unha maneira de lembrala a través da música, de traer á memoria momentos vividos e de compartir con todos vós unha homenaxe nacida do afecto e do agradecemento. Porque, cando alguén deixa unha pegada profunda na nosa vida, a súa ausencia permanece, pero tamén permanecen os recordos, as experiencias compartidas e todo aquilo que nos deixou.

Agradezo especialmente o respecto e a sensibilidade con que vivistes o concerto. Desde o primeiro momento puiden sentir que non estaba só, e iso é algo que nunca esquecerei.

O concerto foi gravado con varias cámaras por Manuel, un gran amigo que sempre está comigo nos eventos que organizo. Quero aproveitar tamén para darlle publicamente as grazas polo seu apoio incondicional, pola súa amizade e pola profesionalidade coa que sempre se implica en cada proxecto. O seu traballo permitirá conservar para sempre o recordo desta noite e, cando teñamos rematada a montaxe, pasareivos a ligazón para que poidades volver vivir, dalgún xeito, eses momentos.

Gustaríame tamén agradecer o traballo excepcional de Salomé Senra, que puxo voz aos momentos máis entrañables da noite. Sen a súa implicación e a súa disposición para formar parte desta homenaxe, nada do que vivimos o venres sería posible.

Esta noite quedará para sempre na miña memoria. Non só pola música que soou, senón, sobre todo, por as persoas que estivestes comigo. Por iso, quero rematar como comecei: dándovos as grazas, de corazón.

Grazas por acompañarme.

Grazas polo voso agarimo.

E grazas por facer posible unha noite tan especial.


Comentarios


Los diseños, los textos y el material multimedia que aparecen en este sitio web son propiedad del autor.

Queda prohibido la utilización de dicho material sin el consentimiento del propietario.

Ourense 2025

  • Facebook
  • Facebook
  • YouTube
bottom of page