top of page

Cada nota soará tamén na túa lembranza...

  • Foto del escritor: Mario González Sánchez
    Mario González Sánchez
  • 30 jun
  • 2 min de lectura
«A música atravesa o tempo e a memoria; cada nota soará tamén na túa lembranza»
«A música atravesa o tempo e a memoria; cada nota soará tamén na túa lembranza»

Vai para sete meses que o silencio ocupa o lugar das palabras nas miñas redes sociais. Sete meses nos que a vida, sen avisar, pediu unha pausa. Porque hai momentos nos que todo o demais deixa de importar e só queda estar, acompañar, soster. Iso foi o que aconteceu.

Yolanda deixounos unha tarde do pasado mes de abril. Tras unha longa e dura loita contra a súa enfermidade, non lle quedaron forzas para seguir resistindo e marchou.

Nos últimos días estivo arroupada polas persoas que ela quixo ter preto. Estivemos ao seu lado, tentando ser abrigo, aínda sabendo que hai dores que non se poden aliviar e despedidas que ninguén sabe deter. Mais, por desgraza, non puidemos facer nada por calmar o seu sufrimento nin para acougar a tristura de vela afastarse de nós, aos poucos, en silencio.

Marchou como adoitan facelo as persoas de ben: aquelas que consagran a súa vida á honradez, pendentes sempre dos seus e entregadas, sen condicións, ás persoas que aman.

Pasado este tempo, comprendín que a mellor homenaxe que lle podía render era precisamente aquilo que máis amaba. Yolanda sentía unha profunda paixón pola lectura, pola música e polo cinema. Gustábanlle as historias e todo aquilo que nos permite sentir con maior profundidade. Por iso estou a preparar un concerto moi especial, diferente a todos os que organicei ata agora. Quero ofrecérllelo desde o cariño, a gratitude e o inmenso afecto que sempre lle profesei.

O lugar da celebración será un espazo reservado e íntimo, mais acollerá co corazón aberto a cantos desexen acompañarme neste acto tan especial. Non farei invitacións persoais, pois coido que poderían converterse nun compromiso e non quero que ninguén se vexa na obriga de asistir. Tocarei para ela e para quen decida acompañarme.

Será a finais do verán, nunha noite á luz da lúa. O repertorio estará formado por bandas sonoras de películas, porque hai melodías que só elas saben contar o que nós non somos quen de dicir. Melodías capaces de atravesar o tempo e permanecer na memoria para sempre.

A medida que avance na preparación do concerto, irei compartindo convosco máis información.

«A música atravesa o tempo e a memoria; cada nota soará tamén na túa lembranza»

Comentarios


Los diseños, los textos y el material multimedia que aparecen en este sitio web son propiedad del autor.

Queda prohibido la utilización de dicho material sin el consentimiento del propietario.

Ourense 2025

  • Facebook
  • Facebook
  • YouTube
bottom of page